Monday 29 de April de 2024

A Xunta promove a música e o baile tradicional en 18 concellos a través dunha nova edición de ‘Danza 3’


— A programación comeza este domingo cunha actuación de baile de O Fiadeiro no Campo da Festa de Vedra

— O percorrido estenderase ata setembro polos municipios de Melide, Ortigueira, Cangas, Oroso, Ribadavia, Boqueixón, Betanzos, Marín, Dumbría, Vilanova de Arousa, Agolada, Ribadeo, Meira, O Valadouro, O Carballiño, Verín e Abegondo

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e o colectivo XOC, integrado polas formacións Xacarandaina da Coruña, O Fiadeiro de Vigo e Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela, promoven por 12º ano consecutivo o programa Danza 3 para a difusión da música e do baile tradicionais de Galicia. Esta nova edición, que arranca o domingo 14 en Vedra, percorrerá 18 concellos galegos ata o mes de setembro con outras tantas actuacións que, na meirande parte dos casos, terán lugar ao aire libre para compartir coa cidadanía unha mostra do amplo repertorio das tres agrupacións participantes.

Con motivo da renovación deste circuíto, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu a Patricia Miño e Santiago Pardo, presidenta e secretario da asociación Xacarandaina; Raquel Barredo, en representación de O Fiadeiro, e María Montero e Antía Antelo, de Cantigas e Agarimos. A través desta colaboración, a Xunta recoñece, así mesmo, o labor cotiá deste colectivo a prol da investigación, recuperación, formación e difusión do folclore galego como parte indispensable do noso patrimonio inmaterial.

Calendario de actuacións
Os integrantes de O Fiadeiro serán os encargados de abrir o calendario de actuacións este domingo ás 15,00 h. cunha actuación de danza tradicional no Campo da Festa de Vedra, coa que tamén recalarán o domingo 28 en Melide. Tras as funcións de abril, a agrupación de Vigo levará os seus espectáculos de baile tradicional a Vilanova de Arousa (4 de agosto) e Verín (data por anunciar), ademais de ofrecer dúas actuacións musicais o 17 de maio en Ribadavia e o 11 de agosto en Agolada.

Cantigas e Agarimos iniciará a súa participación neste 12º Danza 3 co espectáculo musical que ofrecerá o 16 de maio en Cangas e ao día seguinte en Oroso. Neste percorrido, visitará co seu grupo de baile Boqueixón o 19 de maio, Marín o 14 de xullo e xa en setembro, O Valadouro (día 1) e O Carballiño (día 16).

Pola súa banda, Xacarandaina ten previstas catro actuacións de baile que arrancarán o domingo 28 deste mes en Ortigueira e continuarán en maio en Abegondo (día 11) e en agosto en Ribadeo (día 14) e Meira (día 25). Coa súa formación musical, paseará as rúas de Betanzos o 31 de maio e de Dumbría o 26 de xullo.